Non sei cantos concelleiros e concelleiras lerán os martes, en La Voz de Galicia, ao profesor Álvarez Corbacho. Observando a política local, intúo que ben poucos. É máis, esmo estou por apostar que tampouco o fan os diferentes responsábeis nacionais-comarcais-locais. Mágoa!. As súas reflexións, aínda que poidan resultar acedas, marcan uns camiños a seguir, uns vieiros progresistas.
Con motivo da conmemoración do vintecinco aniversario das corporacións municipais municipais democráticas publicaba un artigo no que analizaba as causas e os factores que permitiran explicar as numerosas frustracións acumuladas neste período e cifrábaas basicamente nas seguintes:
a) Febleza da organización, variábel substantiva pero escasamente considerada por gobernos e políticos en xeral.
b) Intensa dependencia financeira, acentuada no caso galego con inhibicións tributarias excesivas.
c) Ausencia de programacións estratéxicas, incluído o urbanismo.
d) Reducida cualificación profesional nas distintas áreas de xestión.
e) Ineficiente cultura de colaboración entre o público e o privado.
f) Escaso interese dos partidos na formación política dos representantes locais.
g) Demandas crecentes de servizos públicos diversos e calidade.
Proseguía a súa reflexión sinalando: “A incapacidade institucional para satisfacer con solvencia estas esixencias constitúe o núcleo da crise mencionada, o que xera tristeza e desafección social”.
Pois iso, pouco máis hai que engadir. Só convidarvos a que cada quen mire para o seu concello, para a organización na que milita ou coa que simpatiza e logo opine. E a poder ser, que non o faga en voz baixa.
